JUAN EIRAS COMPOSITOR                                                                  galego    español   inglés

 






CATÁLOGO

Old Sailor’s Room

2013

Para Orquestra Sinfónica

22 de novembro


Old Sailor’s Room é unha homenaxe a un dos artistas plásticos galegos máis importantes do século XX. Coruñés de nacemento e vigués de adopción, Urbano Lugrís representa á Galicia atlántica e universal, símbolo de unión entre norte e sur, e ao mesmo tempo símbolo de modernidade.


A obra leva o título homónimo da súa pintura máis importante traducido ao inglés. Dous motivos me levaron a elixila como punto de partida; en primeiro lugar a universalidade da temática que traballa o mestre galego, e en segundo lugar, a intención de revisar e reinterpretar a que é para min unha pintura próxima e ben coñecida, e que me sirve como modelo esóxeno de composición.


A habitación do veño mariño foi pintada no ano 46, empregando a técnica do óleo á antiga, imitando o estilo dos primitivos flamencos como Jan van Eyck, ao igual que outra das súas obras, Anticuario do porto.


Nela incorpora unha dimensión simbólica ao que parece natureza morta. Consta de tres espazos diferenciados, -o espazo física da habitación, o espazo exterior e o espazo dos recordos-, aínda que dá a impresión de ser un microcosmos onde poder mergullarse ata esquecer o sentido do tempo. Memoria, atemporalidade, distancia e ausencia son algunhas das imaxes que nos evoca Lugrís na súa obra...


Organizada en cinco movementos, Old Sailor’s Room toma como punto de partida a dimensión psicolóxica da personaxe principal, Ulyses (Ulises), pseudónimo co que asinaba Lugrís os seus escritos, e dende aí inicia unha singradura que nos leva por unha sorte de viaxe imaxinaria que transcorre polos diferentes episodios, De Cosmographia, Leviathan’s Episode (Lance do Leviatán), Seven Seas (Sete mares) e Offering (Exvoto), onde se desenvolven os tres espazos antes mencionados.


A proposta da Real Filharmonía de Galicia e dentro do Programa de Incentivos á Creación 2013, a Fundación SGAE e a Asociación Española de Orquestras Sinfónicas (AEOS), encargáronme esta obra.







CONCERTOS

VII Certame Galego de Bandas de Música

Federación Galega de Bandas de Música Populares

17 de novembro, ás 16.00h


Este fin de semana terá lugar no Auditorio de Galicia o VII Certame Galego de Bandas de Música.


A competición dará comezo o sábado ás 16.00 horas coa participación das cinco formacións a concurso dentro da Terceira Sección: Banda de Música de Solfa (Santiago de Compostela), Banda de Música Popular de Moaña ‘Airiños do Morrazo’, Banda Sinfónica Adagio Cantabile (A Coruña), Banda de Música de Vilatuxe e Agrupación Musical de Belesar. Esa mesma tarde, a partir das 19.30 horas, será a quenda de competición na Sección Segunda coa participación da Banda de Música Sementeira de Cambre, a Banda de Música Xuvenil de Torroso, Banda de Música de Arca, Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla e Agrupación Musical Atlántida de Matamá (Vigo).


Para a xornada do domingo están previstas as actuacións, a partir das 16.00 horas, da Banda de Música Municipal de Valga, Agrupación Musical de Vincios, Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, Banda de Música de Salcedo e Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira dentro da Sección Primeira.


Entregaranse nove galardóns ás tres primeiras formacións clasificadas en cada categoría, así como outros tres á interpretación dunha obra de temática galega, coa utilización dos recursos propios de Galicia, para cada unha das seccións.


Todas as bandas deberán presentarse ao público coa interpretación dun pasodobre galego, para someterse a continuación á valoración do xurado a través dunha obra proposta pola organización e outra de elección libre. Para esta edición, as tres pezas obrigatorias corresponden ás gañadoras da anterior convocatoria do Concurso Galego de Composición para Banda de Música e Sección Sinfónica, organizado tamén pola Federación: Insomnio’, do novo compositor galego Juan Eiras para a Sección Primeira, ‘Espírito galego’ de Santiago Quinto Serna para a Segunda e ‘Arieñium’ de José Ignacio Blesa Lull para a Terceira.



FGBMP




CONCERTOS

Concerto dislocado

Plasctic Crowds

20 de setembro, 19.30h CET (GTM+2:00) 


Para poder facer música cómpre contar co espazo e o tempo. Son condicións intrínsecas a esta arte, sen as cales non se pode producir.


Trátase dunha arte fugaz que se desenvolve no tempo e necesita dun lugar para levarse a cabo. Coa aparición dos equipos de gravación, os sistemas actuais de comunicación e as novas tecnoloxías, esta necesidade cada vez vólvese máis difusa. No contexto posmoderno cada vez ten máis peso o non lugar na vida diaria, dado que pasamos alí gran parte do noso tempo.


Internet é un non lugar, o gran non lugar do noso tempo. Unha rede na que todo o mundo está conectado e parece acurtar distancias pero que realmente non as acurta, directamente non existen. En Internet non hai nin tempo nin espazo, son meros convencionalismos. Parámetros consensuados que nos permiten habitar este medio.

[...]


A proposta que aquí presentamos consiste en conseguir un non lugar sonoro. Dislocar un concerto. E isto conseguirase mediante a extracción ou captación dunha serie de sons en determinados emprazamentos do mundo coa súa posterior produción no non lugar, configurando así un todo sonoro froito da mestura de distintas partes, as cales non están ao corrente unhas das outras, únicamente limítanse a seguir a partitura que lles foi proporcionada. [...]



Manuel Martínez Torres

www.dislocatedconcert.com


programa:


01. JUAN EIRAS (Spain) - Encontros - WORLD PREMIERE

02. MANUEL MARÍA VEIGA (Spain) - Quinteto dialéctico

03. JUAN EIRAS  - Cantos da maré - WORLD PREMIERE

04. VALENTINA MASSETTI (Italy) - A zora - WORLD PREMIERE

05. XESÚS XOSÉ IGLESIAS (Spain) - Poema - WORLD PREMIERE

06. OLGA GARCÍA (Spain) - Anguria - WORLD PREMIERE

07. DIANNA DIMITRIJEVA (Italy) - Seven Hop

08. JUAN EIRAS  - Metaplasmos I e II

09. MANUEL MARÍA VEIGA  - Pensamentos I

10. JUAN EIRAS  - Metaplasmos III e IV

11. MANUEL MARÍA VEIGA - Pensamentos II

12. DEMETRIO BONVECCHIO (Italy) - Folk Variations

13. MANUEL MARÍA VEIGA - Pensamentos III

14. JUAN EIRAS  - Metaplasmos V, VI, VII e VIII


músicos do Plastic Crowds Ensemble:


director:

MANUEL MARTÍNEZ ÁLVAREZ-NAVA - VIGO


vento madeira:

FERNANDO RAÑA - frauta - VIGO

RICARDO PAZO - óboe - VIGO

ASTERIO LEIVA - clarinete - VIGO

ROBERTO NOCHE - clarinete - VIGO

ÓSCAR ARAÚJO - fagot - VIGO


piano:

BRAIS GONZÁLEZ - SANTIAGO DE COMPOSTELA


corda:

ALEJANDRO MORÁN - violino - CANGAS DO MORRAZO

MANUEL SABUCEDO - violino - CANGAS DO MORRAZO

DAVID LÓPEZ - viola - CANGAS DO MORRAZO

MARÍA LAURA MIGUÉLEZ - violonchelo - CANGAS DO MORRAZO


técnicos:

MIGUEL FERNÁNDEZ - control e mestura de son para Broadcast - OVIEDO

HONORINO GARCÍA - coordinador de streaming - OVIEDO

UVIGO-TV - edición de vídeo - VIGO

BRAULIO M. IGLESIAS - multimedia - VIGO


equipo:

EVA YARZA - dirección de arte - LONDRES

MARTA YARZA - dirección de arte - LONDRES

MANUEL MARTÍNEZ TORRES - textos - VIGO

BRAULIO M. IGLESIAS - web - VIGO

CARMEN CANORA - fotografía - MADRID

MINHO LEE - modelo - MADRID

INÉS YARZA - maquillaxe - MADRID

CLÉVER ESCUDERO-WHU - maquillaxe - MADRID

MANUEL BELTRÁN - coordinador en Holanda e Turquía


idea orixinal e coordinación:

MANUEL MARTÍNEZ TORRES - VIGO


ubicacións:

MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo) - VIGO

AUDITORIO MUNICIPAL DE CANGAS - CANGAS DO MORRAZO

CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) - SANTIAGO DE COMPOSTELA

MAC (Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa) - A CORUÑA

MUSAC (Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León) - LEÓN

CCAI (Centro de Cultura Antiguo Instituto) - GIJÓN

CONSMUPA (Conservatorio Superior de Mús. Principado de Asturias) - OVIEDO

MUTUO (Centro de Arte) - BARCELONA

IVAM (Instituto Valenciano de Arte Moderno) - VALENCIA

KABK (Royal Academy of Art) - A HAIA (HOLANDA)

KARAKEDI (Cultural Center) - ISTAMBUL (TURQUÍA)


produción:

PLASTIC CROWDS



www.dislocatedconcert.com

PLASTIC CROWDS




CATÁLOGO

Insomnio no IMSLP

Primeiro Premio no “V Concurso Galego de Composición para Banda de Música e Sección Sinfónica (2012)”

15 de xullo 


Insomnio, Primeiro Premio (Sección Sinfónica) no V Concurso Galego de Composición para Bandas de Música e Sección Sinfónica, xa forma parte da biblioteca virtual de partituras de música máis importante da web.


O International Music Score Library Project (IMSLP) é un proxecto colaborativo baseado nos principios das wikis para a creación dunha libraría virtual, con obras de dominio público ou baixo licenzas Creative Commons e que nos últimos anos ten chegado a ser un dos puntos de intercambio de ideas e materiais musicais máis importantes da rede.



www.imslp.org




CATÁLOGO

Encontros

Versión revisada, 2013

Para Clarinete, Violín e Violonchelo

1 de xullo


...se nada pasase, non habería tempo pasado; se nada houbese de vir, non habería tempo futuro; e se nada houbese, non habería tempo presente. Como son, pois, aqueles dous tempos, o pretérito e o futuro, se o pretérito xa non é, e o futuro aínda non é? E o presente, se fose sempre presente, e non pasase a pretérito, xa non sería tempo, senón eternidade...









(Sto. Agostiño, Confesións, Libro XI, Capítulo XIV)




NOVAS

A Real Filharmonía presenta a súa nova tempada de abono 2013 - 2014

Santiago de Compostela

27 de xuño 


Os equipos técnicos da Real Filharmonía e o Auditorio de Galicia veñen de presentar a nova tempada de concertos cunha clara aposta polas novidades e co obxectivo de seguir reforzando a proximidade da orquestra co público. A unión entre música e palabra será un dos eixos sobre os que xirará esta tempada, a primeira completa que liderará Paul Daniel como director artístico e titular. Esta palabra vai a estar presente na figura do narrador dalgunhas das obras como o Egmont, de Beethoven, As sete últimas palabras de Cristo na Cruz, de Haydn ou no tradicional Concerto de Reis, un monográfico a Satie. Ademais, impúlsase CONversamos con, unha iniciativa na que os directores e artistas comparten co público experiencias e información unha hora antes do inicio de cada concerto.


En paralelo, trataranse de dar a coñecer as creacións de autores de vangarda como Van der Aa, Brett Dean e compositores galegos como Octavio Vázquez, Fernando Buide ou Juan Eiras, sen esquecerse do repertorio dos grandes clásicos como Beethoven, Mozart, Mahler, Brahms ou Haydn.



Sala de prensa

Real Filharmonía de Galicia




CATÁLOGO

Cantos da Maré

Versión revisada, 2013

Para Ensemble

21 de xuño


Cantos da maré (Cantos da marea) representa un mar en calma, aínda que en constante movemento, onde as xestualidades se desenvolven nun gran proceso de acumulación textural, tímbrico e dinámico.


Proceso que é interrompido por catro aneis, cada un cunha enerxía ben diferenciada dos outros, que teñen un importante rol na dramaturxia da obra, xa que articulan o discurso circularmente de forma case hipnótica, como se fosen cantos de sereas.







CATÁLOGO

Lughnasadh

2012 - 2013

Para Orquestra Sinfónica

18 de xuño


Lughnasadh é unha festividade estacional celta consagrada ao deus Lugh, que se conserva na tradición irlandesa contemporánea, sendo unha das catro festividades maiores xunto co Samhain, Imbolc e Beltane.


Hoxe en día celébrase no último domingo do mes de xullo, aínda que en orixe a data era variable, xa que logo o seu calendario baseábase nos ciclos da Lúa, o Sol e o ciclo anual de recolección. Na celebración moderna asimilada pola Igrexa Católica, realízanse peregrinaxes aos templos situados no alto de montes, tal e como era costume na cultura Celta.


Lughnasad tamén dá nome ao período estival e algúns topónimos europeos como Lugo, Lyon ou Luganes, entre outros, derivan etimoloxicamente de Lugh.







NOVAS

Concurso Rosaliano

CMUS Profesional de Vigo

14 de maio 


O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CMUS Profesional de Vigo, co gallo do 150 aniversario da publicación en Vigo de “Cantares Gallegos”, convoca un concurso de composicións breves para alumnado de conservatorios de ata 25 anos de idade.


Membros de xurado: Ángel Montes Abalde (compositor), Juan Eiras (compositor), Gloria Rodríguez Gil (compositora), Xosé Luís Miguélez Saínza (Eq. de Dinamización da LG) e Iván Abal Pulleiro (gaiteiro)



CMUS Profesional de Vigo




NOVAS

A Fundación Autor concede axudas a doce compositores en 2013 para a creación sinfónica

SGAE - Fundación Autor - Sala de Prensa

22 de febreiro 


A Fundación Autor da SGAE ven de conceder un total de doce axudas para a creación de obras sinfónicas dentro do Programa de Incentivos á Creación, á proposta da Asociación Española de Orquestras (AEOS). A iniciativa, froito do acordo establecido entre ambas institución e que se desenvolve por oitavo ano consecutivo, ten como fin estimular a creación de novas obras e contribuír á súa programación por parte das orquestras españolas dentro das súas tempadas de concertos, ciclos e xiras.


En total, a Fundación Autor outorgou para este 2013, 72.000 euros. Amais, o Programa de Incentivos á Creación contempla a gravación e posterior edición en CD das estreas destas obras de encarga.


Este ano, as axudas para encargas sinfónicas recaeron nos seguintes compositores: Sergio Blardony (Madrid, 1965), á proposta da Joven Orquesta Nacional de España; Juan de Dios García Aguilera (Madrid, 1959), á proposta da Orquesta de Córdoba; Juan Eiras (Vigo, 1977), á proposta da Real Filharmonía de Galicia; Víctor Estapé Madinabeitia (Sant Sadurní D’Anoia, Barcelona 1962), á proposta da Orquesta Ciudad de Granada; Mª Eugenia Luc (Rosario, Argentina, 1958), á proposta da Bilbao Orkestra Sinfonikoa; Federico Mosquera Martínez (A Coruña, 1986), á proposta da Orquesta Sinfónica de Galicia; Enrique Muñoz (Robledollano, Cáceres, 1957), á proposta da Orquesta de Extremadura; Lorenzo Palomo (Ciudad Real, 1938), á proposta da Orquesta de Córdoba; Antoni Parera (Manacor, Mallorca, 1943), á proposta da Orquesta y Coro de la Comunidad de Madrid; Joseba Torre (Bilbao, 1968), á proposta da Orquesta Sinfónica de Navarra; Octavio Vázquez (Santiago de Compostela, A Coruña 1972), á proposta da Orquesta Sinfónica y Coro de RTVE, e Bernat Vivancos (Barcelona, 1973), á proposta da Orquesta Simfònica del Vallès.


Unha comisión de expertos presidida polo compositor Joan Albert Amargós e integrada tamén polos compositores José Zárate e Jesús Torres (Premio Nacional de Música 2012), o director Manuel Hernández-Silva e a musicóloga Belén Pérez Castillo, foi a encargada de analizar as propostas que a Asociación Española de Orquestras Sinfónicas envía anualmente á Fundación Autor en virtude de este programa.


Sala de Prensa

SGAE - Fundación Autor




CATÁLOGO

Auga levada no IMSLP

Finalista no II Concurso Galego de Composición para Banda de Música e Sección Sinfónica (2009)

10 de xaneiro 


Auga levada (banda de música), que fora Finalista no ano 2009 no II Concurso Galego de Composición para Bandas de Música e Sección Sinfónica, xa forma parte da biblioteca virtual de partituras de música máis importante da web.


O International Music Score Library Project (IMSLP) é un proxecto colaborativo baseado nos principios das wikis para a creación dunha libraría virtual, con obras de dominio público ou baixo licenzas Creative Commons e que nos últimos anos ten chegado a ser un dos puntos de intercambio de ideas e materiais musicais máis importantes da rede.



www.imslp.org

 

    © K.R.